domingo, 6 de mayo de 2012

Grazas Luís

Sentado no pousadeiro das sellas
Sei que che vai no soldo, en realidade vaivos a todos, pero despois de agardar tantos anos porque se-lle devolvera a salubridade e dignidade a esta fonte, é o mínimo que se me ocorre.

Hai un dito castelán que di: «Las cosas de palacio siempre van despacio», que alguén se encargou de apostilar... «Pero, por lo menos, van». Esta é a sensación que saquei onte cando un amigo me chamou para comunicarme, que de momento non me preocupase nunha tempada pola fonte de O´Caldeirón e mailo seu lavadoiro, que por fin, e non era sen tempo, o Concello había decidido acondicionala.

Pois ben, así como te critiquei aquí o 19 de marzo, que botaba en menos a promesa que me fixeras de acometela súa limpeza o máis axiña posible, hoxe téñoche que devolvela conduta... porque polo menos cumpristes... non coma outros. Vexase: Promesas incumpridas e rehabilitación de fontes.

No meu descargo teño que dicir que en principio a miña petición fixéracha para que retirases a lama que atoaba o aliviadoiro e impedía achegarse a beber sen enlamarse e cando fose posible, acometer o resto da obra. Supoño que as túas razóns, xunto co teu equipo, terías para actuar así, algo que dende fóra moitas veces igual non entendemos.

É certo, ou polo menos tocoume ollalas, que dun tempo a esta parte estanse acometendo infinidade de obras menores que estaban un pouco da man dos deuses, e a cuadrilla encargada de facelas é a que é, ademais de saber que fai pouco tempo que se contratou.

Dende fóra diranme, é logo sendo de Quintáns como te preocupastes dunha fonte tan afastada? Nunha entrada xa o comentei, nacín nesta aldea e de pequeno achegábame alí a beber, ademais de ser un dos centros de reunión de xogos «outro era a costa do carballo cos carros de freos», xa que acompañaba á miña nai e tía ao lavadoiro; á miña avoa, sobre todo cando ía lavala tripas do porco, e na súa contorna, foi onde descubrín as primeiras píntegas "tritóns", salamántigas e ras.

Con todo isto sabes que segue habendo máis fontes, que a maioría sen estar no pésimo e lamentable estado que estaba esta «as fotos son explicitas», precisan de pequenas melloras. A lista que me amosaches era grande, mais supoño que pouco a pouco irédelas acometéndoas. Tamén sei que non están os tempos para tirar foguetes, pero é que as parroquias tamén formamos parte do Concello.

Fonte de O´Caldeirón



Cando a administración non cumpre co seu cometido, a veces teno que facer o pobo. No seu día, a extinta? Asociación polo Futuro de Nebra (AFUNE), decidiran limpar estoutra fonte e lavadoiro na aldea de Puilla. Ao final só apareceron dous, e por riba, os méritos levoullos unha veciña.


1 comentario:

Anónimo dijo...

asi se fan as cousas amigo, sigue loitando, non pares nopn estas so, adiante por eso e polo futuro que nos estan roubando