sábado, 21 de abril de 2012

O monte: fonte de vida

Xosé Alfredo Pereira
Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes
Políticas para o medio rural que beneficien ao territorio e ás persoas que viven, traballan e sosteñen ese medio. Esta é a demanda básica sobre a que se asintan as "Xornadas por un Medio Rural Galego Vivo", que onte comezaron en Pontevedra e hoxe trasládanse a Poio (local social da comunidade de montes de Combarro, desde as 9.30 horas). Xosé Alfredo Pereira é un dos principais impulsores desta iniciativa.

Que ameaza ao medio rural galego?

- O medio rural está en proceso de abandono, de desertización e iso é o contrario do que ten que ser: un medio rural vivo, un territorio con persoas dedicadas a diversas actividades e con calidade de vida, cunhas condicións de vida semellantes ás que se gozan no medio urbano.

E aínda non é así?

Cremos que non. O que está a ocorrer é precisamente o contrario. O medio rural sofre un abandono, pero ese abandono é inducido polos poderes políticos e económicos. Cremos que isto é un gran erro, para o medio rural e para a sociedade no seu conxunto.

Que se pode facer fronte a iso?

-Desde hai moito tempo hai políticas europeas de desenvolvemento do medio rural, pero estas políticas teñen un fallo de concepción. Non foron políticas multisectoriais, foron dirixidas a fins moi concretos. Foi como a irmá pequena doutras políticas. Isto supuxo que os beneficiados non foron nin os territorios nin os habitantes deses territorios. Por outra banda, para conseguir as axudas que ofrecían estes programas europeos, como foi o caso do Proder, non se tivo en conta a función social que deberían ter estas axudas, nin ás persoas que co seu traballo están a coidar precisamente o medio rural, que están a pór en valor ese medio, ao mesmo tempo que están a desenvolver o seu medio de vida. Até agora non estivo presente esa función social. As axudas dábanse tendo en conta o posible rendemento económico e o que ocorreu foi que non se beneficiaron as persoas que viven no medio rural e que son as que coidan ese territorio.

Proponse constituír unha "Alianza por un Medio Rural Galego Vivo". En que consiste?

- Exponse como a unidade de todas as entidades de ámbito galego, que actúan e traballan no medio rural e que acepten os principios básicos que se expoñen nestas xornadas, que defendan políticas activas para estes fins. Queremos que sexa unha alianza estable e funcional, para que sexa operativa nas súas decisións tomadas por maiorías democráticas, pero na que se respectará a vida interna e os ámbitos específicos de cada entidade, co cal queremos conciliar que funcione e que teña continuidade, coa actividade particular de cada un dos seus integrantes.

O monte galego afronta o verán "con pánico".

Como afronta o verán o monte galego?

- Con verdadeiro pánico. Este ano non houbo ningún tipo de axudas para preparar o monte. A única que saíu, sobre fomento de silvicultura, anunciouse en febreiro e aínda non temos noticia de se está aprobada ou non, e xa estamos practicamente en maio. Acabo de ler a normativa que saíu de loita contra o lume e segue nos mesmos erros que en anos anteriores, pero con menos presuposto aínda. E sobre todo que non se poden seguir pedindo traballos de roza manual, terán que ser mecanizados. Eu creo que está totalmente equivocada a política sobre montes deste goberno. Evidentemente o culpable dos incendios forestais non é o goberno, senón os desalmados que prenden lume ao monte, pero á marxe diso seguimos sen unha política acertada para combater o lume, pero non de agora, senón desde hai moito tempo.
Fonte orixinal: Faro de Vigo

No hay comentarios: